A crise II

Seguimos co tema da crise. E agora que se fala da nacionalización da cuarta entidade do sistema financeiro español, quizais habería que lembrar como comezou todo isto.

Aquí tedes un video no que se presenta o comezo deste proceso dun proceso sinxelo. Andabamos na clase a comentar estes temas e, coido, que é unha boa axuda. Pertence ao programa de Eduard Punset, Redes, que durante un tempo se pasou na segunda cadea, a 2, española. Aproximadamente, os feitos narrados rematan en torno a 2009. É interesante comparar, esa argumentación coa que vemos estes días nos periódicos. Sobre todo sobre a postura alemá e contraste cos feitos dos países do «sur»: Grecia, Portugal, España.

Como era aquela frase bíblica?: Quen estea libre de culpa…

Chuzame! A Facebook A Twitter

O porqué das «reformas»

Había xa tempo que quería ligar na folla este video sobre «Españistán«. É unha obra dun rapaz novo Aleix Saló, na que en clave de cómic fai unha historia social e económica de España dos últimos anos, onde intenta explicar o proceso que orixinou a crise actual.

O certo é que como síntese é moi clara e acertada, o cal demostra que ten unha boa formación. Outra cousa, replicaría alguén, é o vocabulario que, no vídeo, quizais é demasiado «coloquial». De tódolos xeitos, hai que entender que o nivel expresivo do vídeo non está pensado para un ámbito académico, aínda que se poida empregar nel.

Dado que estes días andamos a falar do tema, pareceume axeitado como remate das clases e tamén para que sirva de relaxante antes dos derradeiros exames. Espero que vos guste e que o entendades ben. Se non, coma sempre, se pregunta e tamén, se queredes, podedes facer algún comentario.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O «Día das Letras» en Google.

Hai xa uns días na web de actuable.es apareceu unha campaña, creada por Juan Estévez Pin, para recoller sinaturas para solicitar a Google que o 17 de maio, «Día das Letras Galegas«, estableza un «doodle» en conmemoración dese día adicado este ano a Valentín Paz Andrade. Non queda moito tempo, pero para participar tan só hai que premer na ligazón do final deste artigo que nos conducirá á folla web, e da-los nosos datos.

Coma quer que sexa que ese mesmo día 17 de maio é ademais o «Día da Internet«, este semella ser un xeito novidoso e chamativo para que a lingua galega teña unha maior presenza internacional.

Apúntaste? Para ir tan só tes que premer na seguinte imaxe.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

29 marzo- Folga Xeral

Hoxe está convocada en todo o estado unha xornada de Folga Xeral. Protéstase fundamentalmente contra a Lei de Reforma Laboral, recentemente aprobada e na que se producen recurtes relevantes das condicións laborais vixentes na actualidade. Por outra banda, tamén está concernido o Proxecto de Lei de Orzamentos que mañá será presentado no Parlamento español, e no que se espera que haxa outro substancioso recurte dos investimentos públicos en materia social e en obra pública; e, igualmente, a conxelación salarial -e van xa unhas cantas- para os empregados públicos.

Diversas instancias -goberno, a patronal empresarial-, afirman que non é posible outra política, que os mercados esixen recurtes, que Europa esixe menos gasto e menos déficit, nunha marea de «pensamento único» que non admite réplica.

Porén non en todas parte teñen tan claras as cousas. No video que vén a continuación, pódese ver a réplica, dubitativa e case balbuceante, dun deputado do PP nas Cortes valenciás a unha proposición de Mónica Oltra -deputada por Compromís- reclamando o recurte dun 20% nos gastos de Defensa. Se está claro. Cartos, haber hainos, pero están noutro sitio, e non onde se prescisan. No caso do video, a pregunta sería: Hoxe, que é máis importante o gasto social ou o militar? Cada quen terá a súa resposta…

Chuzame! A Facebook A Twitter

World Press Photo 2012

Gústame botar unha ollada ás fotografías do World Press Photo. É un premio moi valorada dentro da profesión periodística no apartado fotográfico e adoitan levar unha gran parte das fotografías por diferentes cidades en interesantísimas exposicións. É como unha radiografía do mundo. Os fotógrafos a través do obxectivo amosan zonas diversas do mundo e temas que a cotío non chegan ás primeiras follas dos xornais ou á emisión dos telediarios. Dalgún xeito é ve-la noticia que está por tras da noticia.

Este ano, curiosamente, o premio do ano 2011 recaeu nun fotógrafo español (Samuel Aranda) que traballaba para o «New York Times» . A foto, exposta en varios medios, suscita todo tipo de opinións: para uns provoca un enorme sentimento e outros opinan que é pouco natural, que semella unha montaxe. Aquí a tes para que opines.

Se queres ver o resto das fotografías premiadas nas diferentes categorías, preme na páxina do World Press Photo. Claro que se queres algo máis resumido, podes premer na seguinte liogazón do xornal «Público«, onde tes un carrusel da seleción realizada polo periódico.

Finalmente, se tes curiosidade, tamén é moi interesante navegar na folla de de Samuel Aranda, na que a maiores dos seus traballos fotográficos no New York Times, premendo no apartado BLOG, poderás ser testemuña dos seus avatares profesionais polo mundo, os lugares onde traballou e algunhas fotografías que aparecen no blogue pero que non foron publicadas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp

WordPress Themes